Saturday 18 de May de 2024

As táboas do Elma acollen a función teatral Soños no 19 de novembro


O ciclo teatral do mes de novembro que organiza a Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña achega ao Elma unha terceira función.

Será no 19 de novembro, ás 19.00 horas. Artefeito+Culturactiva+Igaxes levarán á escena Soños, que se centrará na situación da mocidade tutelada de xeito integral. A escrita provén do contacto directo do autor, Fernando Epelpe, e da directora, Tamara Canosa, con rapaces e rapazas de vivendas tuteladas, que levan as súas experiencias ao escenario cun contido realista e directo que reflicte algúns dos obstáculos que afrontan no seu día a día. Ademais, o respecto ás distintas culturas é outro dos temas que se vai tratar.

Neste senso, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, manifesta que, con esta terceira peza teatral, “na programación tamén hai oco para a reflexión e a sensibilización con contido social e co traballo conxunto dunha entidade sen ánimo de lucro e dúas cooperativas.”

A entrada é libre ata completa-la cabida.